Parroquia pertencente á Area d`Os Cotos, encadrada no concello de Fornelos de Montes que celebra a festividade do seu patrón San Miguel Arcanxo o 29 de Setembro; outra festividade que cabe destacar é a de Santo Antón Abade conmemorado o 17 de Xaneiro, con moita sona a xente devota en sinal de agradecemento leva ó Santo numerosas ofrendas que se “poxan” á saída da Misa o mesmo día. Tamén se fai festa no verán na honra da Nosa Señora da Saúde.
Hai na parroquia un peto que data do ano 1877, encaixado nunha parede de pedra e que aparece coroado cunha cruz en 2 pináculos. O retablo é de pedra e está presidido por un Pantocrátor rodeado dun círculo de nubes. Debaixo del atopamos a escena da Sagrada Familia fuxindo cara Exipto. Na parte inferior aparece a bola do mundo coroada por un Cristo e ó redor da terra atópanse 7 ánimas.